Charla sobre Prácticas Restaurativas e prevención e resolución de conflitos

International Institute for Restorative Practices
 
O vindeiro martes 3 de maio a Casa Museo Casares Quiroga da Coruña acolle a charla As Prácticas Restaurativas, teoría e praxe para a prevención e resolución de conflitos, impartida por Jean Schmitz, instrutor do International Institute for Restorative Practices (IIRP) e especialista en prevención e resolución de conflitos.

Este encontro, que ofrecemos de balde, vai dirixido a todo tipo de público, especialmente a persoas relacionadas cos eidos da facilitación, orientación escolar, mediación, intervención social, docencia, traballo social, educación social e en xeral todas as persoas que pertencen ou traballan con grupos e organizacións.

Enfoque da charla
Neste evento organizado por 4Espazos terás a oportunidade de introducirte nos aspectos teóricos e nas técnicas propias desta metodoloxía, ademais de participar nun diálogo aberto no que poderás explorar a aplicación efectiva das Prácticas Restaurativas en ámbitos moi diversos: educativo, familiar, laboral, comunitario, organizacional e social.

As Prácticas Restaurativas 

As Prácticas Restaurativas teñen a súa orixe na  Xustiza Restaurativa, unha visión non punitiva da xustiza penal que pon énfase na reparación do dano ocasionado e o restablecemento das  relacións.

As Prácticas Restaurativas contribúen a mellorar as interaccións persoais en todos os aspectos da vida diaria: educativo, familiar, laboral, comunitario, organizacional e social.. Esta metodoloxía integra un espectro de técnicas que permiten xerar conexións entre as persoas, fomentando a creación de Comunidade e desenvolvendo procesos xustos nos que se facilita a participación plena. Así mesmo, fan posible previr, reducir e guiar con consciencia as tensións e conflitos que se orixinan en grupos, organizacións e comunidades..

Como explica Vicenç Rul·lan, psicólogo escolar, mediador e especialista neste eido, as Prácticas Restaurativas "son en realidade un xeito de (r)establecer o diálogo, co fin de permitir o encontro das persoas para que conecten coa humanidade que comparten e exploren de xeito conxunto, colaborativo, as accións que permitan a satisfacción das necesidades de todas as que se ven afectadas por unha situación conflitiva, ao tempo que se restaura a relación comunitaria".

A utilización das Prácticas Restaurativas contribúe a:

• Mellorar as relacións entre as persoas, fortalecendo a creación de Comunidade.
• Reducir os conflitos e o acoso escolar (bullying).
• Empoderar á sociedade civil.
• Proporcionar un liderado efectivo e participativo.
• Reparar o dano.
• Restaurar relacións.

O relator: Jean Schmitz

Licenciado en Ciencias Políticas pola Universidade de Lovaina (Bélxica), é instrutor do International Institute for Restorative Practices (IIPR), especialista en prevención e resolución de conflitos desde diferentes ámbitos: familiar, escolar, comunitario, laboral e sistemas de administración de xustiza.

Actualmente ofrece conferencias e cursos de Prácticas Restaurativas en diversos países de América Latina e España. Está finalizando a Maestría en Prácticas Restaurativas no International Institute for Restorative Practices (IIPR).

 

Info relacionada



Vídeo que amosa o Proyxecto Comenius Regio de Prácticas Restaurativas entre Palma de Mallorca (Illes Balears) e Hull (Gran Bretaña). Maio 2013. Editado por: Institut per a la Convivència i l'Èxit Escolar. Govern de les Illes Balears.



Comentarios