Curso básico de facilitación de grupos. 2018- 2019





A facilitación é o conxunto de habilidades, técnicas e ferramentas para crear as condicións que permitan un desenvolvemento satisfactorio dos procesos grupais e persoais. Nun grupo non só temos reunións e tomas de decisións senón que hai outros espazos de participación igualmente importantes: a creatividade, a cohesión grupal, o espazo emocional do grupo e de resolución de conflitos. Cada un deles require de habilidades e técnicas diferentes para ser xestionado, asegurar o bo funcionamento do grupo e que a diversidade inherente a calquera grupo sume en vez de restar. 

Dirixido a:
Educadoras/es, facilitadoras/es, mediadoras/ es, emprendedoras/es sociais, xestoras/es, activistas sociais, animadores/as socioculturais, participantes de organizacións interesadas en mellorar o seu funcionamento grupal ou en como facilitar cambios positivos e satisfactorios nas súas organizacións, grupos ou comunidades, dunha forma participativa, innovadora e que potencie a diversidade. 

Obxectivos: 
A vocación deste curso é contribuír a un cambio de paradigma nas relacións humanas, formando persoas que coñezan e integren na súa práctica diaria a revolución que supón aprender a traballar en grupo. O obxectivo principal é que o/a estudante tome conciencia dos elementos e dinámicas presentes en calquera grupo, organización ou equipo de traballo e adquira as habilidades, ferramentas e coñecementos necesarios para: 
- Que o grupo atope rutas claras para chegar á súa misión, visión e obxectivos 
- Mellorar a comunicación entre os membros do grupo 
- Ampliar a participación e a eficacia nas asembleas e nos procesos de toma de decisión
- Incorporar os novos valores do liderado
- Facer emerxer a sabedoría do grupo 
- Facilitar procesos emocionais no grupo 
- Ser capaz de ver o grupo como un mestre no propio desenvolvemento persoal 

Equipo docente. IIFAC-E:

César Fernández Pérez. Coordinador: Licenciado en Ciencias do Mar (UDV). Coordinador do curso anual de Facilitación e Xestión de grupos nas catro convocatorias anteriores (2012- 2015). Deseña e desenvolve programas de participación sobre a xestión de recursos naturais e mariños (Maldivas, Galicia, Menorca, etc...). Experto en facilitación e procesos de grupo, realizou cursos de longa duración sobre a facilitación, a resolución de conflitos e múltiples seminarios. Imparte formación e obradoiros sobre estes temas e acompaña a diversos grupos, organizacións e colectivos no desenvolvemento da súa visión, a súa estrutura organizativa, a xestión dos momentos difíciles e as tomas de decisións.

Concepción Piñeiro: Altekio Soc. É doutora en Comunicación Ambiental, licenciada en CC. Ambientais (UAM, 2001) e experta en consumo responsable con enfoque de xénero. Dende 2002 vense formando de xeito continuado en facilitación de procesos de grupo. Desenvolveu numerosos cursos, procesos participativos, obradoiros como formadora e facilitadora de procesos. Participa en colectivos sociais dende hai máis de 15 anos.

Anna Pujol Villarroya: Licenciada en Ciencias Ambientais pola Universitat Autònoma de Barcelona en 2005. A través da porta da educación ambiental, adéntrase en colectivos situados nas marxes da sociedade (especialmente mozos en risco, mulleres e saúde mental) e isto permítelle descubrir a súa pasión polo potencial das persoas e dos grupos. Dende o 2004 adícase a acompañar procesos grupais e individuais (en especial a xestións dos conflitos) e a impartir formación en temas de facilitación. Está a cursar a Diplomatura de Traballo de Procesos co Instituto de Traballo de Procesos e Democracia Profunda e conThink Tank Internacional Deep Democracy Institute (DDI)


Máis información e inscricións Rexenerando S. Coop Galega: 
info@rexenerando.com 
881 953 791 —  698 157 414

Comentarios